A cidade de Vigo recibirá este ano máis de 17 millóns de euros en políticas activas de emprego, un 8,2 % máis que o ano pasado

Fecha: 
08/04/2013

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, destinará este ano máis de 17 millóns de euros a políticas activas de emprego da cidade de Vigo. Así o informou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, no transcurso dunha visita ás instalacións que Formega (Fundación Galega do Metal) ten na zona de Cabral.

Acompañada polo presidente de Formega, Javier Martínez, e a xerente da Fundación, Susana Cimadevilla, a representante da Administración autonómica en Vigo sinalou que a formación e a mellora da empregabilidade son un eixo esencial na acción de goberno da Xunta de Galicia. Por este motivo, a cidade olívica recibirá este ano un total de 17,1 millóns de euros para a área de formación e emprego, o que supón un 8,2 por cento máis que o ano pasado. Ademais, este dato supón o 35,41 por cento do investimento total que o departamento de Traballo e Benestar adicará este ano á cidade de Vigo e que chega aos 48 millóns de euros.

Bravo Bosch gabou a experiencia e colaboración activa que Formega está a levar a cabo coa Xunta de Galicia para fomentar a formación e emprego neste sector de actividade tan importante e estratéxico para a área de Vigo. Neste senso, recordou a aposta decidida e pulo do Goberno galego ao sector naval con programas específicos coma Empreganav, destinado aos traballadores do sector e que este ano está dotado con 2,1 millóns de euros.

Empreganav estase a desenrolar nas instalacións de Formega dende finais do ano pasado e continuará ata o primeiro trimestre de 2014. O seu obxectivo é elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado coa finalidade de recolocar a 450 traballadores do naval. Vigo concentra practicamente ao 70 por cento dos traballadores que están a participar nesta iniciativa e xa se desenvolveron cursos de activación laboral, de informática, interpretación de planos, prevención de riscos laborais, soldadura ou de operador de carretillas elevadoras, entre outros. Ademais, estanse executando cursos de activación laboral e inglés e proximamente hai planificadas tamén outras actividades de competencias clave, graduado en ESO ou autocad.