Industria anima aos parados do metal a lanzarse ao autoemprego como opción laboral

Fecha: 
12/10/2012
Vilagarcía é unha do seis cidades galegas elixidas pola Xunta para iniciar a primeira fase do programa "Empreganav", unha iniciativa de reinserción laboral destinada aos traballadores do sector do metal, sobre todo naval e industria auxiliar, que se quedaron sen emprego. O primeiro encontro informativo na capital arousá reuniu onte no Auditorio a unha trintena de persoas, aínda que estaba prevista a asistencia de máis de 120.
 
Á parte deste labor informativo, o "Empreganav" inclúe outro seis medidas: incentivos económicos, accións de sensibilización, un programa de orientación, de formación e de inserción e fórmulas de acompañamento.
 
En relación aos incentivos económicos, a Consellería de Traballo e Benestar que dirixe Beatriz Mato enténdeos como "un dispositivo de motivación" para os traballadores, que lles servirán para sufragar os gastos derivados da súa participación no plan. Así, dedícase un total de 500.000 euros a axudas directas aos empregados. Cada un recibirá un máximo de 400 euros, segundo o tipo de subvención. Existen incentivos para o fomento do autoemprego e a conciliación, e bolsas de desprazamento, entre outros.
 
As medidas de sensibilización consisten en cursos informativos relacionados cun posible xiro na experiencia laboral, mentres que no programa de orientación desenvolverase un itinerario personalizado en relación á procura dun emprego por conta allea ou ben para o inicio dunha actividade por conta propia, incluíndo a axuda para elaborar un plan de negocio.
 
No que se refire ao programa de formación, permitirá elaborar un plan a medida de cada traballador. Entre as accións formativas inclúense as de autoemprego, á parte das de activación laboral, a recualificación fose do sector ou a formación especializada dentro do mesmo.
 
No apartado de inserción, os técnicos analizarán o tecido industrial para detectar as necesidades de persoal e xestionar as ofertas de emprego, mentres que as medidas de acompañamento irán destinadas a servir de apoio aos traballadores para facilitarlles a obtención dun certificado de experiencia profesional e a creación dunha nova empresa.
 
Este plan da Xunta está dotado de 3,1 millóns de euros para toda Galicia e beneficiará a un máximo de 450 persoas. Deseñado pola Consellería de Economía e Industria, a iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG).
 
O programa "Empreganav" persegue a asistencia aos empregados do naval afectados por unha situación de desemprego na procura dun traballo, a reciclaxe profesional a medida e a promoción do espírito empresarial.
 
Prioritariamente, a iniciativa está dirixida a persoas que sufriron un despedimento obxectivo entre o 23 de marzo e o 23 de decembro de 2011, e que antes de perder o emprego contaron cun contrato laboral indefinido.
 
A primeira toma de contacto en Vilagarcía produciuse onte, cunha charla informativa na que se comprobaron que os aspirantes cumprían os requisitos, así como na elaboración dun primeiro diagnóstico da súa situación e do seu perfil profesional. Onte tamén se celebrou o encontro en Vigo; o mércores tocoulle a quenda a Santiago e Ourense, e o martes a consellería empezou pola Coruña e Ferrol. Elixíronse os lugares con máis incidencia do sector do metal.

Fuente: Faro de Vigo