O programa Empreganav beneficia a 81 traballadores do sector do naval na zona de Ferrol

Fecha: 
05/10/2013
Acolléndose a unha liña de subvencións que a Unión Europea concede a traballadores despedidos como consecuencia dunha crise xeral no seu sector, a Xunta de Galicia lanzou hai un ano o programa Empreganav, unha iniciativa que prevía ofrecer formación a 450 exempregados do naval galego e reinsertar polo menos a un 40%.
Nestes momentos, cando restan apenas seis meses para que finalice o plan, 81 desempregados da zona de Ferrol están a tomar parte no mesmo e desenvolvéronse xa máis dunha trintena de accións formativas. Inicialmente foron convocados ás sesións informativas do plan Empreganav 180 traballadores, todos eles afectados polos expedientes de reestruturación aplicados por dúas empresas, Eymosa e Formoso Estruturas Metálicas. Aínda que hai unha larguísima lista de compañías do naval cun gran número de despedimentos nos últimos dous anos, as citadas son as que se incluíron no programa europeo por aplicar as súas regulacións entre o 23 de marzo e o 22 de decembro de 2011. Con elas, entraron no expediente tramitado pola Xunta outras 33 empresas do sector de toda Galicia. Entre todas sumaban 878 despedimentos e o plan aspiraba a atender aos citados 450.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Traballo, entre os 81 beneficiarios do Empreganav na zona de Ferrol hai unicamente dúas mulleres e 37 son maiores de 45 anos. No último ano proporcionóuselles orientación laboral continuada e asesoramento en cuestións como a obtención do certificado de profesionalidade ou a creación de empresas. Ademais, iniciáronse accións de inserción laboral captando e xestionando ofertas de traballo para os participantes que nesta fase do proxecto, informa a administración autonómica, vanse a intensificar. Espérase, con iso, alcanzar a meta de inserir de novo no mercado laboral ao 40% dos participantes antes do fin do programa, en marzo de 2014. 
O Empreganav conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros, dos cales dous son achegados pola Unión Europea a través do Fondo de Adaptación á Globalización. Esta liña de axudas, que agora se utiliza para paliar a situación do naval, xa se empregou no seu momento en Galicia para favorecer a reinserción de traballadores despedidos nun grupo de empresas pertencentes ao sector téxtil.