Preto de 400 desempregados beneficiáronse ata o momento dos cursos de Empreganav para a inserción de traballadores do metal

Fecha: 
30/03/2013

Empreganav, o programa que está a executar o Goberno galego para a inserción laboral de 450 persoas desempregadas do sector do metal, atópase na actualidade na fase de formación e xa se iniciaron os primeiros contactos con empresas para a recolocación dos traballadores e traballadoras.

Así, ata a data xa se beneficiaron dos 30 cursos que se impartiron preto de 400 persoas. En total, estas accións incluíron máis de 1.000 horas de formación centradas en diversas temáticas: informática, inglés, operador de carretillas elevadoras ou soldadura.

Na actualidade estanse a impartir 5 cursos nos que están a participar 64 persoas e nos próximos meses está previsto o desenvolvemento doutras 56 accións formativas.

Estas actuacións están a realizarse en diferentes puntos da xeografía galega: As Pontes, A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago, Vigo e na zona de Condado/Paradanta.

Empreganav foi acordado na Mesa do Naval do Diálogo Social para aqueles traballadores e traballadoras do sector do metal que perderon o seu posto laboral entre marzo e decembro de 2011. A iniciativa conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros financiado polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) e polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria.

Ademais desta partida económica, estanse a destinar 500.000 euros para incentivos á participación que axudan aos traballadores a sufragar os gastos que implican a súa asistencia ao programa, como de desprazamento ou para a conciliación familiar.

As diferentes fases: O proxecto, que busca, polo tanto, elaborar un itinerario de inserción laboral personalizado para cada traballador consta de 7 áreas. O programa seguirá desenvolvéndose ata o primeiro trimestre de 2014, e nos próximos meses centrarase, ademais das accións de formación, no apoio á recolocación. Farase mediante unha análise continuada do tecido industrial do sector para detectar as necesidades das empresas, e comprobar que ofertas de emprego se adecúan aos itinerarios profesionais dos participantes no programa.

Información e orientación: O programa Empreganav comezou no segundo semestre do ano pasado cunha serie de xornadas informativas nas cidades cun tecido industrial do metal e auxiliar do naval (Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense e Vilagarcía). A segunda fase centrouse nas medidas de sensibilización que se levaron a cabo a través de distintos obradoiros: de xestión do cambio, de acreditación de certificados de profesionalidade, de retorno ás aulas e de fomento do espírito emprendedor. A terceira fase consistiu na orientación laboral aos traballadores, que proporcionaron datos sobre a súa dispoñibilidade, preferencias, experiencia e aptitudes profesionais para elaborar un perfil de cada traballador e un itinerario personalizado.

Con este programa favorecerase a mellora da empregabilidade dos desempregados do naval, a súa reciclaxe profesional e a súa recolocación no propio sector ou noutro distinto. Empreganav segue o exemplo de EmpregaTex que se levou entre 2010 e 2012 para desempregados do téxtil e acadou unha inserción laboral do 60%.