Uns 1.000 desempregados do sector do metal beneficiáronse dos programas de formación e do proxecto Empreganav da Xunta

Fecha: 
12/12/2013

Preto de 1.000 persoas desempregadas do sector do metal beneficiáronse este ano dos programas de formación e do proxecto Empreganav postos en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar.

Así o sinalou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a clausura das novenas xornadas sobre o Dereito do Traballo e a Seguridade Social, organizadas por ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia).

Na súa intervención, fixo fincapé en que o departamento vai “seguir apoiando” a este sector, que é o que achega maior porcentaxe ao PIB galego (un 20 por cento) e dá traballo a 50.000 galegos e galegas, a través de tres grandes áreas: automoción, naval e construción metálica.

Ao respecto, lembrou iniciativas como Empreganav, que se está a desenvolver desde finais de 2012, e que ten como obxectivo apoiar a 400 traballadores do sector que perderon o seu emprego por culpa da crise. Ata agora, conseguiu acadar a inserción consolidada de 129 persoas.

A maiores, o departamento puxo en marcha este ano actividades de formación para mellorar a preparación dos profesionais do metal. En concreto, financiáronse 39 cursos en distintas especialidades, que chegaron a 565 beneficiarios, cun investimento de 3 millóns de euros.