A Xunta reafirma a súa aposta polo naval cun programa para a reinserción laboral de 450 persoas desempregadas do sector

Fecha: 
03/10/2012

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, expuxeron hoxe en Vigo os detalles de ‘Empreganav’ no que se investirán 3,1 millóns de euros

A iniciativa, acordada na Mesa do Naval do Diálogo Social, comezará a próxima semana e inclúe axudas de ata 400 euros para gastos derivados da participación

O obxectivo é ofrecer aos participantes asistencia na procura dun emprego, a reciclaxe profesional a medida e a promoción do espírito empresarial

Mato resalta que o plan está dirixido prioritariamente aos traballadores de despedimentos obxectivos que tiveran lugar entre o 23 de marzo e o 23 de decembro de 2011

Guerra destaca que o naval galego “ten moito que ofrecer a nivel internacional e supón un foco para a atracción de riqueza a Galicia”, como amosan os contratos asinados con Pemex

A Xunta iniciará a próxima semana a primeira fase do programa ‘Empreganav’, un plan deseñado pola Xunta e cofinanciado polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) que ten como obxectivo último a reinserción laboral de 450 traballadores desempregados do sector naval. En concreto, trátase dun programa, acordado no seo do Diálogo Social, dirixido a traballadores do sector do metal e, nomeadamente, do auxiliar do naval de Galicia. Para a súa posta en marcha contarase coa participación activas das organizacións empresariais e sindicais sectoriais e a Fundación Galega do Metal (Formega).

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, deron conta hoxe dos detalles desta iniciativa que conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros. O obxectivo é proporcionar ás persoas que perderon o emprego no sector “unha resposta axeitada e efectiva”, tal e como destacou a titular de Traballo. Deste xeito, o plan persegue a asistencia dos participantes na procura dun emprego, a reciclaxe profesional a medida e a promoción do espírito empresarial.

Desta forma, ‘Empreganav’ vaise levar a cabo elaborando itinerarios de inserción á medida das necesidades e do perfil de cada traballador. A iniciativa está dirixida prioritariamente a persoas que sufriron un despedimento obxectivo, que tivera lugar entre o 23 de marzo e o 23 de decembro, e que antes do despedimento contara cun contrato indefinido.

“Trátase dunha estratexia integral que inclúe 7 medidas, prestando unha especial atención ás persoas con discapacidade, de maior idade e aquelas que máis dificultades atopen para reintegrarse no mercado laboral”, concretou Mato.

A primeira fase do plan consistirá nunha primeira toma de contacto cos traballadores e traballadoras para comprobar que cumpren cos requisitos, así como na elaboración dun primeiro diagnóstico da súa situación e do seu perfil profesional. Esta primeira parte de ‘Empreganav’ iniciarase a próxima semana: o día 9 na Coruña e Ferrol; o 10 en Santiago e Ourense; e o 11 en Vigo e Vilagarcía. Ademais desta primeira fase, o programa inclúe outras seis medidas:incentivos económicos, accións de sensibilización, un programa de orientación, de formación e de inserción e medidas de acompañamento.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou o esforzo que está a facer o Goberno da Xunta para afianzar as fortalezas competitivas do naval galego de cara a impulsar a reactivación definitiva do sector. Neste sentido, destacou que tanto os estaleiros como a industria auxiliar da Comunidade “teñen moito que ofrecer a nivel internacional e supoñen un verdadeiro foco para a atracción de riqueza a Galicia”.

Javier Guerra sinalou que o esforzo da Consellería de Economía e Industria, neste eido, tense enfocado a aportar solucións ás diferentes necesidades do sector para facilitar apoio financeiro directo e facer posible que hoxe ningún estaleiro de Galicia estea en concurso de acredores; ao tempo que se levou a cabo unha “intensísima labor comercial internacional”, ao máis alto nivel, que permitiu firmar contratos tan importantes como o de Pemex con Navantia e Barreras.

Por último, o titular de Economía e Industria lembrou que, neste labor, a Xunta tamén apostou por impulsar a competitividade do naval galego, incentivando a I+D+i e mellorando a formación especializada e a inserción laboral dos traballadores do sector.

Fonte: Xunta de Galicia.